Aberta a licitación para demoler o antigo Mercado de Cantodarea

Marín
10 de decembro 2024

A contratación sae por 138.230 euros, que foi o importe aprobado no pleno de outubro para o que se pediu un crédito extraordinario

Estrutura do edificio que ía acoller o mercado de Cantodarea
Estrutura do edificio que ía acoller o mercado de Cantodarea / PSOE de Marín

O Concello de Marín vén de abrir a licitación para que as empresas poidan presentarse á demolición do antigo Mercado de Cantodarea.

En outubro, o pleno aprobou un crédito extraordinario que permite sacar adiante a contratación, que terá de prazo ata o 30 de decembro para as empresas interesadas.

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, informou este martes da apertura desta licitación que tamén inclúe os traballos de acondicionamento do solar.

A contratación sae por 138.230 euros, que foi o importe aprobado no pleno de outubro para o que se pediu un crédito extraordinario.

O concelleiro de Urbanismo expresou a satisfacción do equipo de goberno local por poder sacar adiante esta licitación, "porque complicouse moito técnicamente".

Desde que o goberno local de Marín anunciou a intención de demoler o edicifio o proxecto atascouse, primeiro pola retirada dunha liña de media tensión que lle levou meses a Fenosa e, despois, pola dificultade de xestionar a financiación, xa que trataron de facelo a través dalgunha subvención pero non hai ningunha liña externa que sufrague traballos deste tipo.

As empresas interesadas en presentar a súa oferta poderán facelo a través do Perfil do Contratante antes do 30 de decembro de 2024.

Manuel Santos agarda empezar o ano sabendo que empresa se encargará de realizar este traballo e, polo tanto, "poderemos recuperar todo este espazo para o Barrio de Cantodarea", rematou o edil.