Ata o 4 de abril está aberta a inscrición nas probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Pontevedra
12 de marzo 2025

Os aspirantes deberán superar a proba de adaptación ao medio acuático, así como alcanzar as marcas requiridas en cinco dos seis exercicios restantes

Probas de acceso ao grao de Ciencias de Actividade Física e do Deporte
Probas de acceso ao grao de Ciencias de Actividade Física e do Deporte

Ata o venres 4 de abril permanece aberto o período de presentación de solicitudes para participar nas probas de aptitude para o acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

As probas están dirixidas a garantir que a persoa aspirante presente unhas "condicións físicas axeitadas e seguras para o aproveitamento" da titulación que se imparte na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Trátase dun requisito previo ao propio proceso de admisión nestes estudos, para o que, unha vez superadas, deberán realizarse os trámites establecidos pola Comisión Universitaria de Galicia para o acceso a estudos oficiais de grao. 

Nese senso, estas probas específicas de aptitude e habilidades outorgarán a cualificación de apto ás persoas que acaden as marcas mínimas fixadas no seu regulamento para os diferentes exercicios que as compoñen.

Concretamente, os aspirantes deberán superar, con carácter obrigatorio, a proba de adaptación ao medio acuático, así como alcanzar as marcas requiridas en cinco dos seis exercicios restantes: forza explosiva dos membros inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica, forza explosiva en membros superiores e resistencia aeróbica.

No ano 2024, estas probas de aptitude física contaron con 161 inscritos e foron superadas por preto do 87% dos aspirantes.

VALIDEZ DE DOUS ANOS

En primeira convocatoria, as probas levaranse a cabo o 15 de maio nas instalacións da facultade e na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e tanto aqueles que non acaden a cualificación de aptos como quen non puidese presentarse nesta xornada terá unha nova oportunidade para superalas o 10 de xuño. 

Como recolle a convocatoria, da súa realización quedan exentas as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou de alto rendemento polo Consejo Superior de Deportes ou polo organismo competente da súa comunidade autónoma, así como aqueles que as superasen o ano anterior en calquera universidade española.

Do mesmo xeito, para a admisión na titulación será válida a súa superación noutra institución académica de España, antes da apertura dos prazos que establece a CIUG para a admisión en titulacións con límite de prazas.

As solicitudes poden presentarse ata o 4 de abril, tanto a través da sede electrónica da UVigo como dos rexistros da Universidade.

Así mesmo, as persoas con discapacidade poderán solicitar a adaptación destas probas, para o que deberán presentar un informe médico que permita realizar unha adaptación específica. 

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o 22 de abril publicarase a listaxe provisional de admitidos, mentres que a definitiva farase pública o 6 de maio, tras a apertura dun período de reclamacións.