Aberta ata o 9 de decembro a campaña para doar xoguetes en bo estado para familias con menos recursos

Poio
02 de novembro 2021

O persoal de Servizos Sociais vai encargarse de realizar a repartición durante as datas previas ás festas de Nadal dentro da campaña solidaria denominada 'Ningunha crianza sen xoguetes'. O horario para realizar as doazóns será na Casa Rosada de luns a venres, entre as 09.00 e as 14.00; e entre as 17.00 e as 21.00 horas

Xoguetes recollidos en Poio durante a campaña de 2020
Xoguetes recollidos en Poio durante a campaña de 2020 / Concello de Poio

A concellería de Benestar Social e  Mocidade iniciou unha nova campaña de solidariedade baixo o lema 'Ningunha crianza sen sorriso' destinada a estas festas de Nadal. O departamento que dirixe Rosa Fernández insta á cidadanía para promover a entrega altruísta de xoguetes para que posteriormente os Servizos Sociais repartan estes agasallos entre as familias con menos recursos do municipio.

Aquelas persoas, tanto do Concello de Poio como doutros municipios próximos, interesadas en colaborar na doazón xa teñen aberto o prazo ata o 9 de decembro. Deberán achegarse ata as dependencias da Casa Rosada para deixar alí os xoguetes que, como condición indispensable, teñen que estar en bo estado e limpos. O horario para a entrega será de luns a venres entre as 09.00 e as 14.00; e de 17.00 a 21.00 horas.

Unha vez que se recollan iniciarase o empaquetado, un procedemento que desenvolve de maneira desinteresada a integrante da Sociedade Cultural e Deportiva Samieira, Silvia Ramírez. A concelleira de Benestar Social espera que volva obterse un éxito de recollida que permita realizar a repartición entre preto dun centenar de menores, tal como sucedía no Nadal de 2020, o dobre do ano anterior.

O Concello ofrece o número de teléfono 986.872.401 para aquelas persoas que requiran máis información. Tamén se pode contactar con este servizo a través do correo electrónico xuventude@concellopoio.org