O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, participou este luns, xunto á secretaria xeral da Subdelegación do Goberno, María Isabel Alonso, e outras traballadoras do organismo estatal, na colocación dunha pancarta con motivo do Día Internacional da Muller. O distintivo quedará pendurado no exterior da fachada principal do edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra durante toda a semana.
Abel Losada reiterou, durante este acto, o compromiso do Goberno para "converter o feminismo nunha cuestión de Estado" e impulsar todas as políticas públicas "que poidan remover as desigualdades que as mulleres sofren polo feito de ser mulleres".
En concreto, o subdelegado fixo fincapé nos dereitos laborais e económicos, nun día no que se deron a coñecer as cifras de emprego da provincia.
"Aínda que os datos deste mes son positivos e evidencian un crecemento na afiliación á Seguridade Social, así como unha diminución nas cifras de desemprego, o 58 % das persoas en paro na provincia son mulleres", incidiu.
Neste sentido, o subdelegado subliñou a importancia de seguir avanzando cara unha igualdade laboral, real e efectiva, que poña fin ás distintas disparidades de xénero que continúan a afectar negativamente ás mulleres, como a brecha salarial ou a maior precariedade no emprego feminino.
Abel Losada destacou tamén as importantes melloras na situación das mulleres no mercado laboral "grazas ás reformas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez", e que en Galicia traducíronse, entre outros, na redución das diferenzas salariais entre homes e mulleres en catro puntos dende o ano 2018 ata o ano 2021.
"Non obstante eses avances, a igualdade efectiva en todos os eidos continuará a ser unha prioridade para este Goberno ata que non se acade", lembrou.
A colocación desta pancarta enmárcase no programa de actos con motivo do 8M organizados pola Subdelegación do Goberno e que se completan coa inauguración, hoxe mesmo en Vigo, do primeiro punto violeta do Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE) na provincia, un curso de formación para actuar ante situacións de violencia contra mulleres estranxeiras que terá lugar o xoves e a lectura da declaración institucional do Goberno co gallo do Día Internacional da Muller un día despois.
Os puntos violeta instalaranse tamén nas 17 oficinas que o SEPE ten na provincia comezando pola situada na capital provincial.