O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, lamentou este martes as "consecuencias negativas" das prórrogas concedidas por gobernos do PP para a autoestrada AP-9 e para a pasteira Ence en Lourizán.
Como subdelegado, sinala que son "dúas prórrogas cuestionadas por Europa" e rexeitar "a maneira hipócrita de facer política do PP", que "non só crea os problemas cando lle toca gobernar, senón que logo enturbia as solucións cando a cidadanía os pon na oposición".
Losada fixo estas valoracións despois de coñecerse o ditame motivado emitido pola Comisión Europea a España por incumprir a directiva de servizos (Directiva 2006/123/CE) na adxudicación e prórroga de concesións en liña de costa.
Nese documento recóllese que concesións na costa por 75 anos "infrinxen" as directivas europeas.
Para o subdelegado, este anuncio implica a "posible apertura doutro procedemento contra España pola prórroga por 60 anos da concesión de Ence aprobada polo goberno do PP de Rajoy cando estaba en funcións" e vén a sumarse ao procedimento xa en marcha pola prórroga supostamente irregular da concesión da autoestrada AP-9 por outros 25 anos.
Na súa opinión, trátase de "dúas decisións cunhas clarísimas repercusións" na provincia de Pontevedra e que, "ademais de prexudicar a cidadanía, crean unha indubidable inseguridade xurídica".
Son, para Losada, "a peor herdanza que un goberno pode deixar ao seguinte" e agora "tócalle ao goberno que preside Pedro Sánchez correr con estes dous problemas".
Lamenta tamén que o PP "finxe que nada ten que ver" e mesmo presenta todo tipo de iniciativas parlamentarias e políticas "para enturbiar a solución dos problemas que eles xeraron cando lles tocou gobernar".