O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, expresou a súa preocupación pola perpetuación das "inaceptables listas de espera" das áreas sanitarias de Pontevedra-Salnés e de Vigo nas consultas externas de Psiquiatría.
Insiste o representante do Goberno en que a mellor maneira de previr agresións violentas no ámbito familiar por parte de persoas con enfermidades mentais é un correcto diagnóstico e o seguimento e control da medicación.
En paralelo Abel Losada lamentou que a Fundación Galega de Persoas Adultas Tuteladas (FUNGA), entidade pública dependente da Consellería de Política Social, continúe a ser "unha entidade ineficiente e sen capacidade para protexer ás familias por falta de vontade política de dotala dos recursos sociosanitarios necesarios".
O subdelegado subliña que son as mulleres, e moitas veces as nais ou as avoas, as que sofren directamente esta violencia.
Recorda que o ano pasado perderon a vida tres mulleres maiores na provincia de Pontevedra, en Vigo, As Neves e Cerdedo-Cotobade a mans de dous fillos e un irmán, todos eles con transtornos psicóticos e sen o debido seguimento.
Noutros dous casos, en Bueu e Mos, as nais dos agresores sufriron lesións moi graves e arrastran secuelas.
No caso de Vigo, o agresor estaba curatelado pola FUNGA e, segundo advertiu a familia, sen medicar.
Losada, tras manter xuntanzas para analizar esta cuestión cos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Fiscalía provincial, volve instar ás autoridades autonómicas a reforzar os servizos de atención psiquiátrica e tamén a FUNGA, como medidas de prevención "que máis que recomendables, son urxentes".
As listas de espera que ven de publicar o SERGAS, correspondentes ao peche do ano 2024, evidencian que na área sanitaria de Vigo hai que agardar 100 días por unha consulta de Psiquiatría e hai 1.656 persoas agardando (8 delas máis dun ano, 574 máis de 6 meses e 736 entre 3 e 6 meses). "Unha auténtica catástrofe", sentencia Losada.
Pola súa banda, na área sanitaria de Pontevedra-Salnés a lista de espera de Psiquiatría ten empeorado ao ter pasado de 21,5 días a 34 coa última publicación oficial. Ademais pasouse dun total de 210 persoas agardando a 233.
Segundo Abel Losada esta situación garda relación co insuficiente número de psiquiatras no sistema galego de saúde.
A Estratexia Nacional de Saúde Mental 2022-2023 publicada polo Goberno de España estima que Galicia conta cunha ratio de 7,4 psiquiatras por cada 100.000 habitantes, por debaixo da media española que está en 8,5 e moi por debaixo de Asturias (11,5), Cataluña (12) ou País Vasco (13,6 psiquiatras por cada 100.000 habitantes).
Ademais, o subdelegado do Goberno en Pontevedra considera urxente que a Xunta actualice o protocolo de Traslados e Ingresos Involuntarios, que data de 2012, e do protocolo de Intervención en Urxencias Extrahospitalarias 061, coñecido como "Protocolo Acougo", que data de 2009, e constitúe o único marco referencial para o tratamento e prevención das agresións que se están a producir en centros hospitalarios por parte de pacientes con doenzas mentais.