O secretario de Economía e Emprego do PSdeG-PSOE, Abel Losada, visitou este luns a parcela onde se están a construir 74 vivendas públicas en Pontevedra para destacar os 3,7 millóns de euros que o Goberno de España achega de financiamento a esta obra.
Segundo manifestou Losada, o Plan Estatal de Vivenda 2022-2025 "está a facer posible" a execución dun total de 391 novas vivendas públicas e a rehabilitación doutras 1.320 vivendas privadas na provincia.
Estas vivendas que se están a construir en Valdecorvos son para Losada "unha reacción tardía e insuficiente" ao "crónico problema" de falta de pisos protexidos que existe na cidade de Pontevedra e en toda a provincia.
Subliñou que o Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública inclúe a un milleiro de persoas agardando na cidade de Pontevedra e máis de 8.500 na provincia "e todas esas familias teñen razóns máis que de sobra para sentirse abandonadas".
O mandatario socialista asegurou que "arrastramos a pesada lousa de 15 anos sen construír vivenda pública en Galicia" e lembrou que "o Estatuto de Autonomía di claramente que a Xunta ten as competencias exclusivas".
Segundo indicou Abel Losada, a provincia de Pontevedra está a recibir 18 millóns de euros de fondos estatais para a construción de case 400 vivendas públicas en Pontevedra, Vigo, Mos e Tui e case 10 millóns de euros para programas de rehabilitación de 1.320 vivendas en barrios de Pontevedra, Vigo, Marín, As Neves, Ponteareas, O Porriño e Mondariz-Balneario.