O congreso provincial do PSOE de Pontevedra deixou unha imaxe, máis aló da proclamación do novo secretario xeral, que non pasou desapercibida para ninguén. Os alcaldes de Vigo e Ponte Caldelas, Abel Caballero e Andrés Díaz, víronse as caras -en público- por primeira vez desde que se anunciou o polémico trasvase do río Verdugo.
As cámaras estaban pendentes dos seus movementos e ambos se saudaron cordialmente. Tras manter unha breve conversación, sentaron nos seus respectivos asentos e asistiron sen máis interacción á celebración do congreso dos socialistas pontevedreses.
Este reencontro chegaba apenas 24 horas despois do cruzamento de declaracións entre os dous. Desde que Augas de Galicia acordase realizar este trasvase para garantir a subministración de auga a Vigo e a súa comarca, ambos esquivaran o lume cruzado. Había un inimigo común: o goberno galego. Pero as cousas cambiaron.
En rolda de prensa, Caballero criticou duramente o rexeitamento de Díaz a este trasvase e cualificou como "lamentable" que promovese mobilizacións contra un proxecto que é "inocuo" medioambientalmente.
Nunha rolda de prensa, Abel Caballero expresou o seu "total rexeitamento" á actuación de Andrés Díaz, á vez que lembrou que esa actuación consiste en "enterrar unha tubaxe", o que ten "efecto cero" sobre a contorna, e que, ademais de non causar prexuízos ambientais, ten "vocación de ser provisional".
"Como siga por esa liña, que non conte comigo para nada, porque el sabe que a obra que se vai a facer é medioambientalmente perfecta", advertiu o rexedor vigués, que lamentou que o seu homólogo de Ponte Caldelas "non entende o que é un territorio e un espazo".
Aínda que entende o seu malestar coa Xunta pola falta de información sobre esta actuación "agora que xa se lle explicou e sabe que é inocua", o que fai é "política de causar dano".
"A auga é un ben común e necesítaa toda unha área de dez concellos, que dan emprego a unha parte importante desa xente que se manifesta. Moita xente de Ponte Caldelas traballa en Vigo e consome auga en Vigo", engadiu Abel Caballero, que advertiu que "se alguén cre que non vou levantar a voz porque é membro do PSOE, equivócase".
A resposta de Andrés Díaz non se fixo esperar. Apenas unhas horas despois, o alcalde de Ponte Caldelas lembrou que a súa "primeira lealdade" é cos veciños do seu municipio e reiterou que "non pode tolerar" un trasvase que se tramita de maneira "hostil e escurantista" e ocultando información ao concello.
"É unha nova e intolerable agresión da Xunta a este concello", engadiu Díaz, que na súa comunicación repetía os argumentos que sosterán o recurso xurídico que se presentará contra unha obra que se pretende executar sen estudo ambiental, sen someter o proxecto a exposición pública, sen solicitar licenza municipal e entrando en propiedades privadas sen permiso.
Ademais, rexeitou "de plano" que Vigo poida asinar un convenio para financiar obras en territorio de Ponte Caldelas "pasando por encima deste concello", polo que insistiu en que adoptarán todas as accións necesarias contra o trasvase, tanto desde o punto de vista administrativo como xudicial.