Abandonan unha reunión con Louzán chamándoo "corrupto" e "sinvergüenza"

Pontevedra
15 de marzo 2013

Tras hora e media de reunión a maior parte dos portavoces das plataformas afectadas polas preferentes da provincia de Pontevedra abandonaron o seu encontro co presidente da Deputación e do PP pontevedrés, Rafael Louzán, "ao constatar que non obteriamos unha solución satisfactoria ás nosas demandas", afirmaron. Este grupo de afectados abandonou a sala increpando a Louzán con cualificativos como "corrupto" e "sinvergüenza"

Rafael Louzán, presidente da Deputación
Rafael Louzán, presidente da Deputación /

Tras hora e media de reunión a maior parte dos portavoces das plataformas afectadas polas preferentes da provincia de Pontevedra abandonaron o seu encontro co presidente da Deputación e do PP pontevedrés, Rafael Louzán, "ao constatar que non obteriamos unha solución satisfactoria ás nosas demandas", afirmaron.

Este grupo de afectados abandonou a sala increpando a Louzán con cualificativos como "corrupto" e "sinvergüenza".

"Aquilo converteuse nunha confrontación directa e nun ton despectivo entre o portavoz da plataforma de Baixo Miño e o presidente da Deputación", explicaron algúns dos representantes.

Segundo estas mesmas fontes, a reunión comezou pasadas as oito da tarde "e as cousas fóronse quentando entre Louzán e Xulio Vicente", este último portavoz de Baixo Miño e traballador do sindicato nacionalista CIG.

O presidente acusaba ao sindicalista de "manipular ao colectivo de afectados" e este censuraba o político por "mentir aos estafados polas preferentes".

"Como fagan unha quita, a xente desesperada non sabe o que é capaz de facer"

Segundo José Manuel Vázquez, portavoz da plataforma do Salnés, os afectados esixíronlle ao mandatario popular que traslade ao Goberno central a necesidade de buscar "onde sexa" o diñeiro para devolverlles os seus aforros.

A Louzán e ao resto da "clase política" chamáronlles "cobardes" por estar "manexados pola banca" e "non ter narices" de enfrontarse ao poder económico. E antes de marchar lanzaron un aviso que "como fagan unha quita, a xente desesperada non sabe o que é capaz de facer".