Ábaco Cines ameaza con desmontar as salas de Vialia a partir do venres se ADIF non presenta unha oferta

Pontevedra
04 de xuño 2013

Case catro horas máis tarde do previsto, o director xeral de Ábaco Cines, Juan Ignacio Moreno, reuniuse cos traballadores e representantes sindicais para acordar o ERE temporal para o equipo que comezará o 15 de xuño e durará seis meses co obxectivo de que algúns dos empregados poidan ser subrogados por algunha entidade interesada nas salas. ADIF afirma que mantén contactos con varias empresas pero non volveu poñerse en contacto con Ábaco para evitar a retirada do material das instalacións

Recollida de material nos cines de Vialia
Recollida de material nos cines de Vialia /

Oprimeiro día sen cines en Pontevedra fíxose longo. Sobre todo para os traballadores de Ábaco Cines que remataron preto da media noite a reunión que ían manter con Juan Ignacio Moreno, director xeral da compañía. Chegou con case catro horas de atraso mentres nas instalacións esperaba José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., e os empregados recollían o material das tendas de lambetadas, tal e como llo ordenara a empresa.

Polos despachos achegábanse algúns despistados, un grupo de catro mozos procedentes de Vilagarcía sorprendíanse ao ver que xa non había sesións: "veníamos para aprovechar el descuento del lunes y mira lo que nos encontramos", lamentábanse. Outra moza sacaba unha foto co seu móbil do expositor da carteleira baleiro: "es el recuerdo que me queda".

Os traballadores afirmaban que "agora xa o temos máis asumido. A noite do domingo, durante o peche, foi o máis duro. Algúns deles levaban alí case 13 anos e recordaban todo o que traballaran durante este tempo: "al principio fue lo peor. En las primeras navidades en las que trabajábamos nos quedamos sin luz y los cines estaban llenos. Tuvimos que reintegrar el dinero. Fue tremendo". Daqueles primeiros días, pouco queda en Vialia. Durante a tarde do luns apenas unha decena de clientes pasáronse polos poucos establecementos que aínda permanecen abertos no recinto.

Preto das 10 da noite, o director de Ábaco Cines chegaba ás instalacións e reuníase co persoal dos cines. A reunión alongouse durante máis de hora e media. Asinouse o ERE por 6 meses condicionado á entrada dunha nova empresa. Os empregados traballarán ata o día 7 de xuño. Os seguintes sete días ata o comezo do ERE o día 15 aproveitaranos como vacacións.

ÁBACO AMEAZA CON RETIRAR TODO O MATERIAL

Polo momento, Juan Ignacio Moreno afirmou que ADIF non se volveu poñer en contacto coa súa empresa para chegar a un acordo que permita manter as salas nas actuais condicións para que poida facerse cargo da actividade unha nova entidade. En caso de que este contacto non se produza, a partir do sábado 8 de xuño Ábaco contrataría unha empresa para retirar as butacas e a maquinaria das salas e o 14 de xuño entregarían as chaves a ADIF.

Dende a entidade ferroviaria mantense que hai varias empresas interesadas nas salas cuxos nomes non poden facerse públicos. Dende o departamento de Comunicación confirmaban a PontevedraViva que agarda aprobar nos próximos días, seguramente esta mesma semana, o prego de condicións para proceder á licitación do local unha vez que teñan as chaves das instalacións. A partir de aí, ADIF pretende adxudicar o espazo intentando que se manteña a súa explotación como cine pero en nigún caso falan da opción de que se teña en conta a subrogación dos traballadores para conceder a explotación.

Arquivado en