Este domingo 2 de xuño, os cines de Pontevedra proxectarán por última vez. Os traballadores teñen ordes da empresa para iniciar a desmontaxe das instalacións o próximo luns. Non obstante, o equipo aínda se agarra a unha última esperanza.
Catro empresas interesadas nos cines puxéronse en contacto con ADIF pero, ata o momento, non existe acordo económico definitivo entre a empresa de instalacións ferroviarias e Ábaco para que o material dos cines quede no actual local co fin de que o utilice unha nova empresa.
Segundo fontes sindicais, algunha das empresas afirma que non está interesada na maioría da maquinaria porque non é dixital e iso complicaría, ademáis, a subrogación do persoal.
Polo momento, Ábaco acepta as condicións propostas por Comisións Obreiras para que se acometa un ERE de suspensión de contrato por causas produtivas durante 6 meses. A principios da próxima semana, o xerente da empresa viaxaría de Valencia a Pontevedra para negociar ese ERE e substituílo polo de extinción de contrato que ían presentar nos próximos días na Consellería de Traballo. Co ERE temporal, os traballadores agardan que poidan continuar traballando se outra empresa decide explotar os cines.
O secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, indicou que tamén enviará nas próximas horas unha carta ao Ministerio de Fomento pidindo que ADIF valore por riba dos demáis a aquela empresa que se comprometa a mantener o actual equipo de traballo no caso de ter que obtar entre varias propostas.