Tras nove anos de obras, cinco máis dos previstos, o primeiro tramo da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida (Marcón) xa está aberto ao tráfico. Os primeiros coches puideron percorrer os seus case seis quilómetros desde as once da mañá.
Foi despois dun acto de inauguración presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que estivo acompañado entre outras autoridades polos alcaldes de Pontevedra, Vilaboa e Ponte Caldelas, Miguel Anxo Fernández Lores, César Poza e Andrés Díaz.
Na construción deste primeiro tramo da autovía, deseñado para reducir a presión do tráfico sobre a N-550, investíronse 94 millóns de euros, sumando a obra, as expropiacións e as asistencias técnicas.
A obra incluíu a construción dun ramal de acceso de case 2 quilómetros desde o enlace de Figueirido, onde conectan a AP-9, a N-550 e a N-554.
Esta nova estrada entre Vilaboa e A Ermida, que ten catro carrís -dous para cada sentido-, cruza todo o monte da Fracha e percorre os núcleos da Ermida, Pintos, Valladares, Pumariño, Bértola, Outeiro e Boullosa.
Ten sete pasos superiores, un dos cales dá continuidade ao Camiño Portugués, catro pasos inferiores e catro viadutos, tres os cales cruzan os ríos Pintos, Pobo e O Barco.
Ademais, o tramo conta con tres enlaces. Son os dous dos extremos, o de Figueirido e o da Ermida na PO-532, e un terceiro, que conecta coa PO-0001 cara á Canicouva e Tomeza.
A execución deste primeiro segmento da A-57, segundo Ángel González do Río, xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, tivo unha "gran complejidad técnica" polos terrapléns e desmontes realizados "a gran altura".
Tiveron que repor tamén elementos patrimoniais afectados por estas obras, entre eles o 'marco legoeiro' na N-550 que sinalaba as antigas leguas do Camiño Real en O Marco, Vilaboa; ou todo o ámbito de protección do Castro Faresa.
A todo iso súmanse diversas actuacións ambientais como a plantación de 2,8 hectáreas de vexetación autóctona, hidrosembras nos noiros, plantacións en canles e glorietas ou un tratamento mediante xeomalla e unha protección de terra vexetal en varios desmontes.
"Con este primer tramo de la circunvalación se podrá mover desde Vigo hacia el interior de Pontevedra de forma directa sin tener que utilizar la AP-9", destacou Del Río.
Despois de destapar o fito do quilómetro 0 que marca o inicio da A-57, Pedro Blanco destacou que a posta en servizo desta autovía demostra que o Goberno de Pedro Sánchez "cumpre con Galicia" impulsando grandes infraestruturas.
Aínda que recoñeceu que as obras acumularon un "gran atraso", Blanco reivindicou que este ano foi "para sinalar no calendario" ante o "pulo importante" que recibiron as vías de comunicación en Galicia, especialmente unha A-57 "que levaba moito tempo no caixón" ata que Sánchez chegou á Moncloa e "se empezaron a axilizar os investimentos".
A A-57 CONTINUARÁ "A BO SEGURO" CARA AO NORTE
O delegado do Goberno en Galicia sostivo, a preguntas dos xornalistas, que a A-57 continuará "a bo seguro" cara ao norte cos outros dous tramos previstos, entre A Ermida e Pilarteiros e entre Pilateiros e Curro, completando así un trazado de 21 quilómetros.
O primeiro deles conta co rexeitamento dos veciños das parroquias de Marcón e Xeve, que a través dunha plataforma de afectados e de organizacións como Adega, presentou unha demanda ante a Audiencia Nacional para que se modifique o itinerario previsto.
A este respecto, Pedro Blanco asegurou que no Ministerio de Transportes "seguimos pendentes e falando con todas as partes", xa que explicou que hai varias opcións "encima da mesa" e os técnicos están "barallando" as posibilidades de actuación.
Coas alegacións recibidas, engadiu Branco, "estamos plantexando a posibilidade de darlle unha solución distinta" ao tramo entre A Ermida e Pilarteiros, que xa ten aprobado o estudo de impacto ambiental. Duns 5 quilómetros, custaría 100,15 millóns de euros.
O terceiro e último tramo, entre Pilarteiros e Barro, que inclúe a conexión coa AP-9 no lugar de Curro, ten aprobado o seu estudo informativo, no que figura un orzamento de 121,8 millóns de euros e unha lonxitude de actuación aproximada de 10,2 quilómetros.
De maneira paralela, segundo o representante gobernamental, tamén se estudará a solicitude de estender a A-57 cara ao sur, enlazándoa coa A-52 en Ponteareas. "En canto teñamos unha decisión adoptada comunicarase", garantiu.
SATISFACCIÓN NOS ALCALDES
O alcalde de Pontevedra celebrou que "por fin" se abrira a A-57, unha autovía que ve "necesaria" como circunvalación e para mellorar as conexións cos polígonos de O Campiño, A Reigosa e Barro e, doutra banda, cara ao sur con Redondela, Vigo e Portugal.
"Quero manifestar o meu desexo como alcalde de que esta circunvalación hai que rematala e resolver un problema que temos detectado hai 25 anos", sinalou Fernández Lores. Reivindicou que completar a A-57 cara ao norte "tarde ou cedo" terá que facerse.
César Poza, pola súa banda, asegurou estar "contento" de que se terminara esta obra e confía en que isto non sexa "un punto e aparte" porque para Vilaboa "é fundamental e estratéxica" a conexión cara a Vigo para fomentar o crecemento do seu municipio.
Para Ponte Caldelas a apertura deste primeiro tramo da A-57 "é moi boa nova", engadiu Andrés Díaz, porque "en media hora estamos en Vigo", unha mellora das conexións que espera que contribúa a que os municipios do interior da provincia "sigan crecendo".
Ademais, subliñou que a continuidade desta autovía "é importante" para o desenvolvemento dos polígonos industriais, especialmente os de O Campiño e A Reigosa, ao proporcionarlles unha mellor conectividade coas principais vías de comunicación, especialmente a AP-9.