Pontevedra non cobrará taxas aos coches que accedan ás súas zonas urbanas nin tampouco impedirá circular aos vehículos que máis contaminan. Para cumprir a lei de cambio climático, o Concello optará por unha terceira vía: converter gran parte da cidade en zona de tráfico reducido.
O goberno municipal entende que crear estas áreas de baixas emisións, a partir do modelo urbano implantado en Pontevedra, e avanzar nos compromisos recolleitos no plan de mobilidade urbana sostible (PMUS) será suficiente para liquidar os requisitos legais.
"Somos o único concello do Estado que xa chega a cifras e logros que converxen amplamente co espírito da lei", sostivo a portavoz municipal, Anabel Gulías, que engadiu que Pontevedra considera que cumpre os obxectivos de redución de tráfico e de mellora dos parámetros ambientais.
Así, a partir de 2023, a zona de tráfico reducido de Pontevedra estenderase ao longo dunhas 510 hectáreas. Non só abarcará o centro urbano senón que, segundo adiantou Gulías, incluiranse nesta área os barrios de Monte Porreiro, Estribela e O Burgo.
O Concello defende que esta é a única forma de que os cambios lexislativos que, en materia de transición ecolóxica, adoptou o Goberno estatal non repercutan no peto dos cidadáns e non se teña que restrinxir o acceso a certas partes da cidade.
"Nós non imos tratar o espazo urbano de forma discriminatoria e non equitativa. Non podemos dar un paso para atrás", subliñou a edil do BNG.
O PMUS, que foi aprobado este luns vía decreto do alcalde, virá acompañado xa da petición de fondos europeos, dentro da convocatoria do plan de recuperación, transformación e resiliencia impulsado polo Goberno, financiado a través do programa Next Generation.
Pontevedra aspira, nunha primeira remesa, a conseguir de Europa case 3,1 millóns de euros para financiar dous dos proxectos que se recollen neste documento.
O primeiro deles é a humanización da Rúa da Santiña, no barrio do Burgo, que se quere converter na vía de plataforma única e de preferencia peonil, apostando porque por ela só circulen os coches que sexan necesarios, os seus residentes fundamentalmente.
Esta reforma tería un custo duns 1,8 millóns de euros.
A outra actuación está pensada para ampliar a rede de cámaras que manexa a Policía Local a través da central de control de tráfico. Isto obrigará a ampliar os servidores informáticos.
Ademais, o Concello quere instalar sensores para medir a calidade do aire en tempo real en varios puntos da cidade e paneis con información sobre o estado dos aparcamentos disuasorios, os indicadores do aire ou situación da circulación.
Toda esta información, segundo Eva Vilaverde, responsable de Seguridade Cidadá, permitirá "mellorar os tráficos na cidade", ao poder monitorizar non só o tránsito dos coche senón tamén de peóns, bicicletas e patinetes, entre outros.
En todos os casos, matizou a responsable municipal, toda a información recollida tratarase de maneira "estrita", cumprindo coa lei de protección de datos e o dereito á privacidade.