A xustiza avala o rexeitamento do Concello aos plans urbanísticos de Elnosa

Pontevedra
06 de setembro 2018

Un xulgado de Pontevedra rexeitou o recurso presentado por Elnosa contra a decisión do Concello de non tramitar o Plan Especial de Reforma Interior (PERI), que impulsaba a empresa para renovar a súa fábrica de Lourizán. A sentenza conclúe que o goberno municipal actuou de acordo á lei 

Fábrica de Elnosa en Lourizán
Fábrica de Elnosa en Lourizán / Mónica Patxot

O xulgado do contencioso administrativo número 3 de Pontevedra rexeitou o recurso presentado por Elnosa contra a decisión do Concello de non tramitar o Plan Especial de Reforma Interior (PERI), que impulsaba a empresa para renovar a súa fábrica de Lourizán.

A sentenza conclúe que o goberno municipal actuou de acordo á lei á hora de non tramitar o proxecto urbanístico da compañía electroquímica.

Este era un paso previo para obter os permisos necesarios para poder producir cloro mediante unha tecnoloxía libre de mercurio e adaptarse á normativa ambiental europea.

O Concello rexeitara admitir a trámite este PERI, alegando que a documentación estaba incompleta e que a empresa non emendou as deficiencias detectadas polos técnicos municipais, a pesar dos requirimentos realizados.

Ademais, a negativa sustentábase en que a petición realizada pola fábrica non cumpría unha serie de requisitos urbanísticos.

A titular do xulgado pontevedrés asegura que "non se evidenciou a inutilidade ou arbitrariedade" do requirimento practicado polo Concello a Elnosa, "sendo evidente" que a compañía non cumpriu a petición documental realizada pola administración municipal, o que motivou o arquivo do expediente.

Esta situación "faría correcta" a resolución impugnada, conclúe a maxistrada.

Arquivado en