A Xunta volve licitar a restauración da Basílica de Santa María a Maior

Pontevedra
17 de xaneiro 2024

Os traballos permitirán renovar os sistemas de evacuación da choiva, substituír o soporte da cuberta e reformar a fachada

Agustín Reguera con varios membros da asociación de veciños de Santa María
Agustín Reguera con varios membros da asociación de veciños de Santa María / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia ven de licitar a restauración da fachada principal e cubertas da basílica de Santa María a Maior de Pontevedra.

Tras quedar deserta a primeira quenda da licitación, o goberno autonómico aumentou o orzamento da obra co fin de conseguir atraer a varias empresas interesadas neste proxecto.

En concreto as obras están dirixidas a renovar a cuberta da ábsida e da vertente anexa á nave sur con placas de fibrocemento e tella cerámica. Ademais, substituiranse os sistemas de evacuación da choiva.

Tamén se substituirá a estrutura de soporte de dita cuberta e se realizará unha reforma da fachada que inclúe a limpeza da pedra e o tratamento da mesma para evitar a aparición de vexetación que a acabe danando.

Por último, fachada occidental de Cornelius de Holanda dotarase de sistema de protección que minimice a presenza de aves que poidan afectar á súa conservación.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, achegouse este martes ata a basílica onde puido conversar con varios membros da asociación de veciños de Santa María aos que felicitou pola súa perseveranza e polo "esforzo diario para mellorar a vosa contorna". 

Reguera referiuse así á iniciativa da asociación que marcou con códigos QR os principais atractivos da basílica. Uns códigos que, xunto a un folleto, permiten aos visitantes coñecer a través de varios vídeos informativos as curiosidades e características históricas do templo.