O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela supervisaron o avance do pasteiro de Quireza.
O pasteiro atópase no monte veciñal homónimo, no que se están a realizar labores de posta a punto nunha superficie de 32 hectáreas.
Nos próximos meses prevese executar os traballos de abonado e sementeira, que finalizarán o proxecto.
Co chamado Plan de pastos a Consellería actuará nunha superficie aproximada de 4.416 hectáreas. O investimento total previsto para o conxunto do Plan sitúase en 9,5 millóns de euros.
Na súa visita, tamén comprobaron as obras de mellora das vías de titularidade municipal financiadas pola Consellería do Medio Rural no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.
Así, estanse a levar a cabo traballos como a pavimentación de varios tramos na contorna da Capela de Nosa Señora de Loreto, a mellora da recollida de pluviais coa instalación de canais de PVC e a optimización da accesibilidade en tramos de acceso ás vivendas.