A Xunta tratará directamente con Pontevedra e Vigo a comarcalización dos seus bombeiros

Pontevedra
15 de xuño 2018

O goberno galego dialogará directamente cos concellos de Pontevedra e Vigo para tratar de desbloquear a comarcalización dos seus respectivos parques de bombeiros municipais. Así o anunciou este venres o director xeral de Emerxencias, Luis Menor

Reunión sobre as emerxencias en Galicia
Reunión sobre as emerxencias en Galicia / Xunta de Galicia

O goberno galego dialogará directamente cos concellos de Pontevedra e Vigo para tratar de desbloquear a comarcalización dos seus respectivos parques de bombeiros municipais. Así o anunciou este venres o director xeral de Emerxencias, Luis Menor.

O responsable autonómico sinalou que farase deste xeito para "tratar de desbloquear a parálise" que presenta o plan de mellora da atención ás emerxencias na provincia de Pontevedra, onde, a diferencia de na Coruña, Ourense e Lugo, "non se puido chegar a ningún acordo coa Deputación".

A proposta partiu do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García. 

O director xeral confiou en que deste xeito a Deputación de Pontevedra "abandone a súa oposición" e os concellos máis achegados ás dúas cidades se poidan beneficiar da comarcalización e dunha atención "máis eficaz e rápida".

Esta vía foi apoiada desde o principio, recordou Luis Menor, polo grupo de traballo polas emerxencias, no que están integrados todas as administracións implicadas. Este consenso permitiu pactos, no que vai de ano, cos concellos de Santiago, Ourense e Ferrol.

Unha vez mantidas as reunións con Pontevedra e Vigo, abordarase o proxecto coa Deputación de Pontevedra.

A comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta de Galicia e abordadas no grupo de traballo polas emerxencias, permitirán que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación.