A Xunta tamén subvencionará a rehabilitación enerxética nas segundas residencias

Sanxenxo
23 de maio 2022

Así, propietarios e comunidades disporán de axudas de ata 38.750 euros para renovar fachadas e cubertas ou para cambiar equipos de calefacción e auga quente en vivendas e edificios cun aforro enerxético mínimo do 30%

Encontro informativo #ConstruíndoFogar, en Sanxenxo
Encontro informativo #ConstruíndoFogar, en Sanxenxo / Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou este luns en Sanxenxo que as novas axudas á rehabilitación enerxética en edificios e vivendas tamén se poden solicitar para segundas residencias.

Así, propietarios e comunidades disporán de axudas de ata 38.750 euros para renovar fachadas e cubertas ou para cambiar equipos de calefacción e auga quente en vivendas e edificios cun aforro enerxético mínimo do 30%. 

Ángeles Vázquez participou este luns no encontro informativo #ConstruíndoFogar organizado polo seu departamento e co que percorre diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

A conselleira tamén animou aos cidadáns a pedir as axudas de ata 3.000 euros para cambiar as ventás da súa vivenda habitual, un programa que xa recibiu máis de medio milleiro de solicitudes.

A Xunta convocará por un orzamento de, como mínimo, 1,5 millón de euros unha liña de incentivos dirixida a mozos para comprar vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, polo que beneficiará a 37 municipios da provincia de Pontevedra, 4 deles do Salnés.