A Xunta de Galicia saca a concurso a contratación de servizos sanitarios complementarios aos que presta o Servizo Galego de Saúde (Sergas) na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés por un valor de 11,1 millóns de euros.
O Consello da Xunta autorizou na súa reunión deste luns a contratación por procedemento aberto dun acordo marco para a prestación de servizos sanitarios.
A licitación afecta a unha área sanitaria que atende unha poboación de ao redor de 300.000 cidadáns e terá unha duración de catro anos.
Os servizos sanitarios que se proporcionarán á poboación inclúen, entre outras, as seguintes prestacións: procesos de área médica, cirurxía xeral, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, uroloxía, cirurxía vascular, otorrinolaringoloxía de alta, media e baixa complexidade, consultas, procedementos de diagnóstico ambulatorios, e neuro-rehabilitación.
Desde a Xunta de Galicia destacan que os servizos obxecto deste Acordo Marco resultan "imprescindibles" para dar unha axeitada asistencia sanitaria a pacientes do Sergas, "con carácter complementario dos servizos propios" e para reducir as listas de espera para intervencións cirúrxicas.
Explican, ademais, que o impacto que desde o ano 2020 provocou a pandemia da covid obrigou á reorganización do sistema sanitario para afrontar o importante incremento de pacientes xerados por esta enfermidade, sen deixar de atender ao resto de doentes.
Este Acordo Marco é, para a Xunta, "o procedemento máis idóneo", por ser "o mellor sistema a efectos de racionalización da contratación pública e acadar unha mellor eficiencia na tramitación dos expedientes, ao tratarse de prestacións de servizos de uso común en todos os centros sanitarios desta área".