A Xunta leva prestados máis de 3.000 computadores en diferentes puntos das Rías Baixas. Desta forma, en colaboración cos centros educativos da comarca de Pontevedra, Marín e Bueu, entregáronse desde a suspensión da actividade educativa presencial 1.328 computadores a menores que forman parte de familias con menos recursos.
No municipio de Pontevedra entregáronse 1.058 equipos informáticos. Entre a totalidade destes equipos atópanse os computadores con conectividade achegados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a cada centro da área e os equipos que pertencían aos centros de formación e recursos do profesorado, que pasaron ao dispor das familias que os precisan.
Este material entrégase como préstamo persoal para facilitar que os menores poidan seguir a actividade educativa, mentres dura a suspensión das clases presenciais. Tamén hai que sumar ao alumnado que forma parte do programa E-Dixgal e que contan con portátiles cedidos pola Xunta de Galicia.
Para facilitar o acceso a todos os servizos educativos dixitais, a Xunta estableceu un espazo no seu portal educativo como na canle de espazoAbalar en Youtube nos que se ofrecen instrucións para a utilización destes servizos que inclúen aulas virtuais, videoconferencias e plataformas de comunicación coas familias dos estudantes.
A consellería de Educación e a Amtega organizaranse coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para establecer un protocolo para a creación dunha base de datos de equipamentos destinados ao alumnado non universitario, que identifique as persoas beneficiarias. A intención é que a administración local se encargue de atender as demandas nas etapas de Infantil e Primaria, mentres que a Xunta mantén a prioridade en achegar recursos a estudantes de ESO, Bacharelato e FP.
En canto ao material non informático, a Xunta estableceu que os centros educativos poden solicitar a colaboración dos servizos de Protección Civil e da Policía Local para realizar as entregas destes materiais.
Na comarca de Caldas, a Xunta repartiu 494 computadores entre familias que os precisaban, mentres que na comarca do Salnés a cifra ascende a 1.319 computadores tamén entre familias con menos recursos económicos, entre os portátiles con conectividade de Amtega e as tablets e portátiles que se atopaban dispoñibles nos centros educativos. Na provincia, a cifra total de computadores doados, durante este estado de alarma, ascende a 5.225.