A Xunta renova o firme da estrada PO-303 entre Poio e Meaño

Poio
12 de outubro 2021

A mellora na estrada PO-303 realízase nun treito de máis de doce quilómetros con fresado, reposición da pavimentación e dotación de novas marcas viarias

Mellora na estrada PO-303
Mellora na estrada PO-303 / Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a renovar o firme da estrada autonómica PO-303, entre os concellos de Poio e de Meaño, unha actuación que se enmarca nun proxecto de mellora de seis estradas autonómicas da provincia de Pontevedra que supón un investimento autonómico de case 800.000 euros.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, desprazouse este luns ata a contorna da igrexa de Samieira, en Poio, para supervisar os traballos acompañado por diversos representantes municipais.

A mellora na estrada PO-303, pertencente a un contrato que comezou a executarse a finais de agosto na PO-221 en Moraña e Campo Lameiro, engloba un treito de máis de 12 quilómetros de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+000 e 12+240, o que supón a totalidade da vía. A intervención consiste no fresado das zonas deterioradas e a posterior reposición da pavimentación con mistura bituminosa en quente. Finalmente, procederase á dotación de novas marcas viarias horizontais no eixo e nos bordos da calzada.

En conxunto, as intervencións que se realizarán nos concellos de Poio e de Meaño beneficiarán directamente aos seus 22.000 veciños e supoñen un investimento de máis de 125.000 euros.