A Xunta remata a cuberta exterior do edificio de Benito Corbal

Pontevedra
17 de febreiro 2019

A realización dos traballos vai parella á tramitación das solicitudes dos colectivos e asociacións que optan a algún dos 26 locais dispoñibles

Traballos na fachada do antigo edificio da Xunta en Benito Corbal
Traballos na fachada do antigo edificio da Xunta en Benito Corbal / PontevedraViva

A Xunta de Galicia rematou nos últimos días a cuberta exterior do edificio de Benito Corbal. As obras estanse ultimando para telas rematadas no primeiro cuadrimestre do ano, tal e como estaba previsto.

Co fin de optimizar os tempos, a realización das obras vai parella á tramitación das solicitudes das asociacións e colectivos que queren optar a algún dos 26 locais dispoñibles nas plantas terceira e cuarta do edificio. Os interesados teñen de prazo ata o 21 de marzo.

As asociacións ocuparán dúas plantas de máis de 600 metros cadrados cada unha. A previsión é que, ademais dos despachos, se habilite unha sala de reunións modulable que poida ser utilizada polos beneficiarios. Da expectación xerada nos colectivos de Pontevedra dá unha mostra o feito de que na visita guiada que se fixo polas obras foi necesario facer dúas quendas debido ao elevado número de interesados.

Os case 6.000 metros cadrados do edificio situado no centro da cidade albergarán na planta baixa, primeira e segunda as oficinas de emprego, que ata agora estaban alugadas noutros dous locais. Nas plantas terceira e cuarta estarán os despachos das asociacións, mentres que as catro plantas restantes estarán a disposición da Universidade de Vigo. O investimento global é de case cinco millóns de euros.