O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o CEP Campolongo, onde a Xunta reformará as fiestras do comedor.
Así, a obra, que xa foi licitada, busca mellorar a comodidade e a eficiencia enerxética deste espazo, modernizando ademais as instalacións.
As antigas fiestras serán substituídas por unha nova carpintería de aluminio anodizado natural, que mellorará o illamento da sala, reducindo así o gasto enerxético. Para este mesmo fin, realizarase un capitalizado exterior con alucobond composite.
Os traballos contan cun orzamento, a falta de ser adxudicados, de preto de 48.000 euros.
O delegado territorial destacou a importancia de seguir levando a cabo este tipo de obras que "non só melloran a comodidade do alumnado e do equipo docente, senón que ademais reducen o consumo e a pegada de carbono dos nosos centros educativos".
Este novo investimento sumarase aos máis de 780.000 euros que a Xunta investiu neste centro dende o ano 2010.
En total foron nove os grandes proxectos que se levaron a cabo neste edificio, entre os cales destaca a rehabilitación integral levada a cabo no 2016 que contou con máis de 550.000 euros de orzamento.