A Xunta recolle as demandas dos veciños para elaborar a variante de Alba

Pontevedra
11 de outubro 2017

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo este mércores un encontro con representantes das asociacións de veciños de Alba e Cerponzóns

Camión accidentado na ponte de San Caetano, Alba
Camión accidentado na ponte de San Caetano, Alba

As demandas dos veciños das parroquias de Alba e Cerponzóns serán atendidas para levar a cabo o trazado da variante de Alba en Pontevedra.

Así o manifestan desde a Xunta de Galicia despois de que o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivese un encontro con representantes da asociación de veciños destas dúas parroquias para coñecer os puntos de vista sobre esta infraestrutura viaria

Menéndez indicou que a intención da Xunta é desenvolver este proxecto co máximo nivel de consenso, de forma que as consideracións formuladas polos veciños serán analizadas e atendidas sempre que sexa posible.

Polo momento, a Axencia Galega de Infraestruturas está a recoller toda a información técnica e as valoracións sociais para despois ultimar a proposta de trazado que, proximamente, abordará cos técnicos do Concello de Pontevedra.

A variante de Alba será unha conexión entre as estradas PO-531 entre Baión e Pontevedra e a N-550, entre A Coruña-Tui, e funcionando como alternativa á estrada PO-225, que comunica a parroquia de Alba con San Caetano sen necesidade de entrar no núcleo urbano de Pontevedra.

Antes de sometela a proposta a información pública, a Xunta de Galicia quere elaborar un proxecto cun trazado tecnicamente viable e que conte con aceptación social.

Arquivado en