Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, manterá este próximo martes 14 de xaneiro unha reunión de traballo co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán. Durante este encontro está previsto que a representante da Xunta de Galicia solicite o apoio da Administración central para atender os asuntos máis prioritarios en materia de abastecemento e saneamento das augas de distintos puntos da comunidade autónoma.
Entre os asuntos que figuran na axenda da conselleira atópase o saneamento de Raxó, un punto conflitivo no municipio de Poio. E ademais, Ethel Vázquez ten previsto solicitar a maior axilidade posible na tramitación dos informes necesarios para desenvolver as obras de saneamento da ría de Pontevedra coa ampliación da estación depuradora (EDAR) dos Praceres, que proxecta a Xunta.
Precisamente, a plataforma de afectados de Lourizán está a dirixir escritos tanto á administración autonómica como ao Ministerio de Transición Ecolóxica reclamando outro modelo "máis racional" para sanear a ría de Pontevedra, opoñéndose á ampliación da depuradora.