A Xunta quéixase polo atraso na licenza para terminar a sede de Benito Corbal

Pontevedra
26 de xullo 2020

Segundo a Xunta de Galicia, a obra está xa adxudicada e todo listo para que poida dar comezo a reforma destas plantas superiores, pero están a expensas da licenza do Concello que foi solicitada solicitada o 2 de marzo 

Inauguración do Edificio Administrativo da rúa Benito Corbal
Inauguración do Edificio Administrativo da rúa Benito Corbal / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia quéixase de que leva catro meses agardando pola licenza da segunda fase das obras do edificio de Benito Corbal, concretamente das plantas 5ª, 6ª e 7ª a disposición da Universidade de Vigo e a planta 8ª que albergará a Fundación Manuel Moldes.

Segundo a Xunta, a obra está xa adxudicada e todo listo para que poida dar comezo a reforma destas plantas superiores, pero están a expensas da licenza do Concello que foi solicitada solicitada o 2 de marzo e a taxa aboada. Así mesmo, o Concello solicitou o aboamento da taxa da licenza de apertura, e foi pagada o 18 de maio.

Os traballos nos que se centrarán esta segunda fase de acondiconamento, será nas plantas 5ª, 6ª e 7ª, que se porán a disposición da Universidade de Vigo, e a 8ª, que será ocupada pola Fundación Manuel Moldes. Entre outras accións, remataranse os teitos, pavimentos e bloques de aseo e acometeranse as preinstalacións de climatización, electricidade ou telecomunicacións. As obras terán un prazo de execución previsto de 6 meses, polo que a previsión inicial era que o edificio podería estar plenamente operativo a finais de ano, segundo se anunciou en enero.

Pola súa banda, o resto do edificio xa foi reformado e acondicionado nunha primeira fase que abrangueu desde o soto á planta 4ª. Grazas a estes traballos, xa están funcionando no edificio e no centro da cidade as oficinas de emprego e os locais destinados ás asociacións, entidades sen ánimo de lucro, con fins de interese social, cultural, deportivo, ou sanitario. Ademais, tamén se habilitaron outros espazos de usos xerais como un salón de actos, que xa acolleu ata o momento varios eventos.

O orzamento total investido na reforma do edificio ascende a 5 millóns de euros, que permitiron recuperar para o uso público os case 6.000 metros cadrados deste edificio situado no centro da cidade de Pontevedra. Os traballos de rehabilitación recuperaron así para a cidadanía un espazo moderno, cómodo e accesible, que é ademais enerxeticamente eficiente grazas, entre outras instalacións, ás caldeiras de biomasa ou a unha instalación solar fotovoltaica.