A Xunta prorrogará o contrato de xestión da depuradora de Soutomaior

Soutomaior
12 de maio 2024

A Xunta destinará 400.000 euros a garantir o correcto funcionamento do servizo de depuración de augas residuais no Concello de Soutomaior a través da xestión e explotación da súa depuradora

O delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, visitou a EDAR de Soutomaior
O delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, visitou a EDAR de Soutomaior / Concello de Soutomaior

A Xunta destinará 400.000 euros a garantir o correcto funcionamento do servizo de depuración de augas residuais no Concello de Soutomaior a través da xestión e explotación da súa depuradora. 

A tal fin, está previsto someter este luns á autorización do Consello da Xunta a prórroga por un ano máis (ata maio de 2025) do contrato para a xestión da Estación depuradora de augas residuais (EDAR) existente en Arcade.

As tarefas a desenvolver comprenden, entre outras, o mantemento do funcionamento normal das instalacións de forma ininterrompida e continuada para manter, en todo momento, uns índices de depuración que cumpran os límites establecidos na normativa vixente aplicable.

Ademais, a explotación da EDAR tamén inclúe a retirada, transporte e vertedura de graxas, areas e residuos das reixas e peneiras cumprindo coas debidas condicións hixiénicas, o secado dos lodos producidos e a xestión e conservación en perfecto estado da totalidade dos elementos, instalacións e equipos que integran a planta así como as demais tarefas e operacións necesarias para unha adecuada prestación do servizo.

Cómpre lembrar que a Xunta, a través de Augas de Galicia, asumiu a xestión e explotación das estación que trata as augas residuais de Soutomaior no ano 2005 mediante a formalización do correspondente contrato.

A vixencia do contratos orixinal rematou a mediados do ano 2020 polo que, en virtude do previsto na Lei de contratos das administracións públicas, procederase agora a autorizar a que será a súa terceira prórroga para poder seguir ofrecendo o servizo.

Na actualidade, Augas de Galicia encárgase da explotación de 28 estacións depuradoras de augas residuais no conxunto da comunidade. Delas, 14 son de titularidade municipal e están baixo xestión autonómica, incluída a depuradora de Praceres, que dá servizo a Pontevedra, Poio e Marín.