O 31 de decembro de 2016 era a data que tiña Elnosa para o inicio do cesamento da actividade industrial nas instalacións que ocupa en Lourizán. A dirección da empresa cloreira solicitou á Xunta de Galicia unha prórroga. A administración autonómica emitiu unha resolución ampliando nun ano a autorización ambiental integrada á empresa electroquímica.
Desta forma, a data dese inicio do cesamento de actividade terá que iniciarse a partir do 11 de decembro de 2017.
Este martes 27, o goberno local de Pontevedra trataba o tema na Xunta de Goberno e decidía presentar un recurso ao entender que esta decisión adoptouse "pola porta de atrás", tal e como manifestou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
O Concello de Pontevedra recorrerá esta decisión, nun prazo máximo dun mes, alegando que non se levou a cabo o procedemento establecido para estes casos. Raimundo González indicaba que a Xunta non solicitou o informe urbanístico nin mantivo informado ao Concello sobre este proceso.
Por este motivo, presentarán un escrito de requirimento previo de anulación desta prórroga ante a Xunta de Galicia para que se anule todo o proceso porque non se lles concedeu audiencia nin se lles solicitou informe, tal e como establece a normativa. No caso de que sexa rexeitado, González avanzou que o tema levará ante os tribunais de xustiza.
A medida adoptada pola administración autonómica xustifícase no cambio da lexislación europeo nesta materia atendendo á solicitude realizada pola dirección da cloreira. Segundo a resolución da Xunta de 2013, establecíase que o cesamento definitivo de produción de cloro líquido realizásese o 31 de agosto do 2017 e o 31 de outubro finalizaría a produción de ácido clorhídrico e hipoclorito sódico. Agora a consellería de Medio Ambiente amplía o prazo de vixilancia da autorización ambiental integrada outorgada para a fabricación de produtos químicos ata esa data do 11 de decembro de 2017.
O goberno local entende que este procedemento non está relacionado coa petición por parte da empresa e dos traballadores de Elnosa para continuar nas instalacións de Lourizáncunha prórroga da concesión por un período de 60 anos máis , tal e como o conseguiu Ence a través do ministerio de Medio Ambiente.
Os representantes sindicais seguen tentando que o goberno da Xunta lles conceda a supramunicipalidade para poder saltar os obstáculos administrativos que desde o Concello pontevedrés están a presentarse á posibilidade de que continúen na ría.