A Xunta propón dúas datas á Deputación de Pontevedra para falar do Pazo de Lourizán

Pontevedra
01 de febreiro 2017

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que este mesmo mércores desde a súa Consellería de Presidencia, conxuntamente coa de Medio Ambiente, enviaron unha carta á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva,  na que propoñen dúas datas para fixar un encontro no que falar sobre o futuro do Pazo de Lourizán

Sinatura do Pacto Social de Ence
Sinatura do Pacto Social de Ence / PontevedraViva

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que este mesmo mércores desde a súa Consellería de Presidencia, conxuntamente coa de Medio Ambiente, enviaron unha carta á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na que propoñen dúas datas para fixar un encontro no que falar sobre o futuro do Pazo de Lourizán.

A Xunta ten unha proposta para rehabilitar o emblemático pazo de Montero Ríos co financiamento de Ence que convertería o inmoble no seu centro de investigación e desenvolvemento en materia forestal "sen que se perda a titularidade pública do edificio".

Despois de varias semanas nas que ambas as partes polemizaron sobre este asunto nos medios de comunicación, Alfonso Rueda acordou que "canta máis polémica saquemos de certos temas importantes mellor", e sinalou que para el este asunto é relevante.

As datas propostas son para este mes de febreiro e sobre o lugar elixido "ningún problema porque sexa na Deputación", conveu Rueda.

O único inconveniente que atopou o vicepresidente do Executivo galego foi que o goberno provincial non aceptase a presenza de ningún representante da empresa pasteira no encontro. "De verdade que lamento, e quero que se entenda, que non poidan estar os principais promotores do proxecto ENCE nesa reunión", dixo Rueda, porque "son os que mellor o coñecen e os que mellor poderían explicar o que se quere facer alí. Nós o que faremos simplemente é de transmisores".

O vicepresidente galego apuntou que as administracións públicas deben recibir ás empresas privadas "cando son proxectos de interese público" e engadiu que neste caso concreto tanto a conselleira Beatriz Mato como el "tentaremos explicar o que explicarían moito mellor os principais promotores".