A construción da nova Variante de Alba, que unirá as estradas PO-531 cara a Vilagarcía e a N-550, deu este martes "un paso importante", segundo a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, co inicio da exposición pública do proxecto, previo paso a unha licitación que se prevé se se cumpren os prazos para comezos do próximo ano.
Trátase dun vial de pouco menos de 1 quilómetro de percorrido (992 metros) que reducirá segundo as estimacións nun 75% o tráfico da PO-225, que actualmente soporta un tráfico medio de 12.927 vehículos ao día no medio de problemas de seguridade viaria ao tratarse dunha zona pola que pasa o Camiño de Santiago e que conta con estreitamentos na calzada.
"É unha infraestrutura demandada, agardada e necesaria", explicou a conselleira, na que se investirán na súa primeira fase aproximadamente 7,8 millóns de euros cun prazo de execución dos traballos de 18 meses.
En concreto a opción elixida para a nova Variante de Alba é a máis próxima ao núcleo urbano de Pontevedra. Nesa primeira fase construirase unha calzada cun carril por sentido de circulación, aínda que quedará pendente unha posible ampliación en función do tráfico soportado que a convertería nun vial de dobre carril por sentido e ata 100 quilómetros hora de velocidade máxima (subiría a 13,5 millóns de euros en total).
No investimento previsto resérvanse 384.000 euros para as expropiacións previstas, a pesar de tratase do trazado, aseguraron, de menor impacto dos 10 estudados e que non afectará a ningunha vivenda. Neste sentido o prazo para presentar alegacións ao proxecto estenderase ata o día 7 de agosto.
As obras incluirán a construción dun viaduto de 265 metros e de dúas rotondas, en cada un dos extremos do vial, tanto na PO-531 ao seu paso por Campañó como na N-550 en Lérez.
Ethel Vázquez, que compareceu acompañado do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, engadiu ademais que o proxecto de creación dunha senda paralela á PO-225 en Alba completará as actuacións na zona coa "idea de que estea listo para o Xacobeo de 2021", sinalou Menéndez.