A Xunta de Galicia apoiará aos municipios pequenos e medianos da comunidade para reforzar o persoal e os medios necesarios cos que garantir a vixilancia e a limpeza nos areais este verán, durante a pandemia do coronavirus, garantindo, desta maneira, un uso seguro dun dos principais focos de atracción de turistas nesta época do ano.
A administración autonómica impulsará a sinatura de convenios cos municipios nos que participará no reforzo de normas e pautas organizativas, de seguridade e vixilancia e de limpeza e conservación ambiental dos areais para a contención e a prevención da pandemia, axudando a poñer en marcha as medidas extraordinarias necesarias este verán co obxectivo de garantir un uso seguro das praias.
Así o deu a coñecer este xoves o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desde a praia do Carreirón, na Illa de Arousa, nun acto de presentación no que estIvo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde, Carlos Iglesias.
En concreto, a Xunta colaborará cos concellos reforzar o persoal que teñan que contratar para colaborar cos efectivos de socorrismo que xa teñen unhas tarefas concretas que deben seguir realizando.
Segundo explicou Rueda, é unha medida complementaria que contribuirá a que os concellos teñan máis persoal que colabore en actuacións de organización e vixilancia de accesos, control de aforos ou da permanencia nos areais, así como traballos de limpeza.
Ademais, colaborará na adquisición de medios para a limpeza das praias e das súas instalacións comúns ou da recollida de residuos, un gasto adicional cos condicionantes actuais debido ao coronavirus, que implica a instalación de elementos de sinalización, balizamento ou material de limpeza e desinfección.