A Xunta pon no tellado do Concello de Pontevedra fixar unha reunión para falar da comarcalización dos bombeiros

Pontevedra
27 de xuño 2018

A Xunta de Galicia insiste en que o proceso de comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades do resto de Galicia xa está avanzando e tan só na provincia de Pontevedra están atopando atrancos 

Parque de bombeiros de Pontevedra
Parque de bombeiros de Pontevedra / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia reaccionou este mércores á comparecencia da presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, para presentar o estudo sobre a xestión das emerxencias realizado polo organismo provincial. Nunha nota de prensa remitida aos medios de comunicación horas despois, puxeron no tellado deles e tamén do Concello de Pontevedra os novos pasos a dar para fixar o novo mapa de emerxencias. 

Así, recordáronlles que o proceso de comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades do resto de Galicia xa está avanzando e tan só na provincia de Pontevedra están atopando atrancos.

Eses obstáculos, segundo insisten, levaron ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, a buscar unha maneira de desbloquear a situación e optouse por facer un cambio con respecto aos pasos dados en Ourense, Lugo e A Coruña. A Xunta aceptou presentarlle primeiro o proxecto aos concellos de Pontevedra e Vigo e despois facelo coa Deputación.

Deste xeito, a pasada semana enviaron un escrito ao Concello de Pontevedra solicitando a fixación dunha data para a entrevista, sen que ata o de agora se obtivera unha resposta. A elección da data depende da administración municipal. 

No que vai de ano, alcanzáronse acordos coas deputacións de Ourense, Lugo e A Coruña e cos concellos de Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense, gobernados por forzas políticas de distinto signo.

A Xunta insiste en que comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta de Galicia e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias, permitirán que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación de Galicia.

No caso de Pontevedra, por exemplo, permitiría que o parque da capital provincial puidese dar servizo aos concellos máis próximos, que agora son atendidos por parques máis alonxados. A maiores, no interior da provincia, está prevista a creación de tres novos servizos que eliminarían as zonas de sombra restantes.

A folla de ruta pasa por que, unha vez mantidas as reunións con Pontevedra e Vigo, se aborde o proxecto coa Deputación de Pontevedra. Ao respecto, a Xunta insiste en que as institucións provinciais son as competentes en materia de emerxencias para concellos de menos de 20.000 habitantes e a súa participación económica é imprescindible para desenvolver as comarcalizacións.