A Xunta pide a Costas a "máxima celeridade" para regularizar e ampliar a EDAR de Praceres

Pontevedra
10 de maio 2016

Unha xuntanza de traballo en Madrid foi o escenario elixido pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para solicitarlle a Costas a "máxima colaboración e celeridade" para rematar o procedemento de regularización da depuradora dos Praceres, así como do emisario submarino, e para conseguir os terreos necesarios para a ampliación que proxecta o goberno galego

Xuntanza en Madrid de Beatriz Mato coa ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina
Xuntanza en Madrid de Beatriz Mato coa ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina / Xunta de Galicia

Unha xuntanza de traballo en Madrid foi o escenario elixido pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para solicitarlle a Costas a "máxima colaboración e celeridade" para rematar o procedemento de regularización da depuradora dos Praceres, así como do emisario submarino, e para conseguir os terreos necesarios para a ampliación que proxecta o goberno galego.

Así llo trasladou Mato á ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina.

Segundo explicou a conselleira, trátase dun paso necesario para iniciar todos os trámites dunha obra "fundamental e prioritaria" para o goberno galego, en tanto permitirá acadar unha mellora no saneamento da ría de Pontevedra.

Neste sentido, Beatriz Mato lembrou que a EDAR de Praceres está incluída no Plan Hidrolóxico da Xunta de Galicia ata 2020 e conta cun orzamento de 45 millóns de euros, aos que se suma o compromiso asumido pola empresa Ence de colaborar neste proxecto cunha achega adicional de 15 millóns de euros. 

O resultado deste encontro será un dos temas que se analice na macro xuntanza sobre o saneamento da ría de Pontevedra que acollerá este martes 10 de maio, a partir das catro e media da tarde, a delegación territorial da Xunta. 

A ela acudirán, ademais das conselleiras de Medio Ambiente e a do Mar, Rosa Quintana, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, os alcaldes de Pontevedra, Marín e Poio; e representantes das confrarías de pescadores e mariscadoras do fondo da ría.

Nesta xuntanza, segundo avanzou o Concello de Pontevedra, o goberno municipal tratará que un dos primeiros pasos sexa a solución das verteduras que se producen na zona de Cocheras.

Raimundo González explicou que estes incidentes teñen que ver coas obras de construción da vía alternativa a Marín, a variante PO- 546, entre O Regueiriño e a PO-11 polo que se trataría de que "se arranxe o desaguisado que provocaron no seu día".

A substitución dun tramo da tubaxe do colector de fecais de aproximadamente 300 metros cadrados "diminuíu a menos da metade" a capacidade da canle que ademais descorre por treitos con pendente nula ou lixeira subida.

Este problema foi comunicado en repetidas ocasións, e cos pertinentes informes técnicos, á Xunta sen éxito ata o momento, segundo o Concello.

Arquivado en