O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclama ao goberno do Estado que active o Plan Nacional de Emerxencias por contaminación dada que a vertedura de pellets plásticos que está a alcanzar a costa galega provén dun buque que estaba a navegar en augas portuguesas, "e polo tanto, é a administración Central a competente".
O titular de Mar fixo estas manifestacións este sábado no transcurso dunha visita a unha das praias afectadas por esta vertedura.
Alfonso Villares explicou que, a pesar das informacións que se están publicando, a administración autonómica non recibiu comunicación oficial do sucedido o pasado 8 de decembro, cando o buque mercante Toconao perdeu seis contedores en augas portuguesas un dos cales contiña pellets plásticos.
Segundo asegurou, a primeira comunicación, vía email, chegou á Consellería do Mar o 3 de xaneiro e na mesma explicábase o sucedido así como que o día 20 de decembro xa fora comunicado á Dirección de Costas e á Delegación do Goberno sen que ninguén do Ministerio informase á Xunta dos pormenores do acontecido.
Nese sentido, o conselleiro mostrou a súa preocupación e cuestionou "Cales foron as razóns polas que o Goberno, tendo toda a información e sabendo o que está a acontecer, non activou o Plan Nacional de Emerxencias por contaminación mariña sendo a administración competente para facelo?".
O responsable autonómico destacou que é o Goberno central quen ten acceso a toda a información a través de organismos como a Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) ou do Goberno portugués, en cuxas augas ten orixe o incidente, de acordo con a lexislación marítima internacional. Unha información, insistiu, que continúa sen facilitar ao Goberno galego polo que esixiu maior transparencia por parte dos responsables estatais. Nesa liña, explicou que competencia cando a contaminación provienene de buques ou plataforma fixas onde España exerce a súa soberanía recae sobre a Administración Xeral do Estado.
En resposta a estas declaracións, o delegado de Goberno en Galicia, Pedro Blanco, demandaba ao conselleiro desculpas "por faltar á verdade", xa que asegura que o xefe de servizo de Salvamento Marítimo de Fisterra comunicou o 20 de decembro ao subdirector do servizo de Gardacostas da chegada de pellets.
Fronte ás críticas recibidas pola pasividade da Xunta ante esta vertedura e por deixar sós aos concellos afectados na resposta a esta situación o concelleiro asegurou que está a administración autonómica está a tomar medidas "desde o minuto un" activando o Plan Camgal (Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia) a nivel 1 e mobilizando ao persoal de Gardacostas de Galicia e persoal de Tragsa para acometer os labores de vixilancia ao longo de toda a costa galega e "apoiando aos concellos afectados nos traballos de limpeza e retirada dos sacos e restos deste material que alcancen a costa".
Alfonso Villares trasladou unha mensaxe de "tranquilidade" ao sector pesqueiro, cos cales está en "permanente contacto", deixando claro que "se está actuando con todos os medios ao alcance co obxectivo de retirar a máxima cantidade de material e minimizar os posibles danos ao medio ambiente".
Por outra banda, resaltou que os custos dos traballos de retirada e limpeza que se están executando nestes días e que continuarán "o tempo que sexan necesarios" serán trasladados á empresa armadora do buque. Nese sentido débese sinalar que Lei de Responsabilidade Ambiental sinala a obrigación do responsable dunha vertedura de facerse cargo das medidas de prevención, evitación e reparación.
A Xunta apunta que "desde a empresa xa foi trasladada a súa vontade de colaborar coas administracións con medios técnicos e económicos para atallar a situación".