A Asesoría Xurídica da Xunta constituíuse como parte, por instancia da Secretaría Xeral da Igualdade, como acción popular no caso da morte de María Luisa Jiménez Jiménez por violencia de xénero. Concretamente, os letrados da Xunta de Galicia constituíuronse como parte nas dilixencias previas abertas no xulgado de Instrución número 3 de Lugo, que aceptou a constitución como parte.
O vicepresidente Alfonso Rueda elevou este xoves un informe ao Consello da Xunta para dar conta deste procedemento, que xa é o cuarto que fai o Goberno galego, tras os recentes casos de Verín, Marín e Cervo.
O pasado mes de xullo o Goberno galego acordou no Consello da Xunta constituírse como parte en todos os procesos penais en caso de morte por causa de violencia de xénero.