A Xunta persónase como acusación particular no caso do crime machista de Ponte Sampaio

Pontevedra
19 de novembro 2015

A Xunta personouse por instancia da Secretaría Xeral da Igualdade. No ano 2013, o Consello da Xunta aprobou o protocolo para o exercicio da acción popular nos procedementos penais en caso de morte por causa de violencia de xénero

Concentración en Pontevedra polo asasinato machista de Conchi Reguera
Concentración en Pontevedra polo asasinato machista de Conchi Reguera / Mónica Patxot

A Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia presentouse como acción popular no caso aberto polo crime machista do 24 de outubro en Ponte Sampaio, no que a vítima foi Concepción Reguera Peón, 'Conchi'. Os letrados da Xunta de Galicia compareceron nas dilixencias previas abertas no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, que aceptou a comparecencia.

Segundo se aprobou no Consello da Xunta deste xoves, a Xunta personouse por instancia da Secretaría Xeral de Igualdade. No ano 2013, o Consello da Xunta aprobou o protocolo para o exercicio da acción popular nos procedementos penais en caso de morte por causa de violencia de xénero.

Con esta iniciativa, a Xunta deu cumprimento aos artigos 30 e 31 da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, como un paso máis na procura da igualdade efectiva entre homes e mulleres, concretamente na loita contra a violencia de xénero, e afianzou o compromiso institucional coa erradicación desta lacra. 

Por este crime está en prisión provisional o ex mozo da falecida, José Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como 'Coco', por presuntamente acoitelala en reiteradas ocasións cunha navalla que aínda non foi localizada e logo, mentres ela agonizaba no chan a poucos metros da súa casa, fuxir no coche dela