O proceso para a cesión dos terreos nos que se construirá o futuro edificio xudicial da Parda deu as súas rabexadas finais. Despois de cinco anos de lanzarse o balón entre administracións e de reproches mútuos entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda aceptou a transmisión gratuíta da parcela que lle realizou o Concello.
A parcela xa é autonómica dende este venres 7 de agosto, de modo que xa non hai ningún tipo de trámite que impida o inicio da construción do edificio, valorado nuns 20 millóns de euros e para o que xa se consensuou o proxecto con todos os actores do sector xudicial de Pontevedra.
A parcela cedida, situada na unidade de actuación 24 na Parda, ten unha superficie de 6.655,90 metros cadrados e xa está libre de toda carga para que a Xunta poida empezar a construír nela. Segundo a documentación que chegou este venres ao Concello, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio procederá agora a formalizar a cesión no correspondente documento público.
A cesión dos terreos formalizouse na Xunta de Goberno local o 13 de maio, confirmouse no Pleno do 20 de xullo e recibiu o informe favorable da Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o 28 de xullo, data na que aceptou a súa transmisión. A continuación, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación que agora se aprobou tras o informe favorable da asesoría xurídica.