O Diario Oficial de Galiciadeste mércores 21 de agosto publica a decisión da Consellería de Educación de suprimir definitivamente as escolas de educación infantil de Solobeira e Guillán, situadas en Vilagarcía de Arousa, que se suman a outros catro centros máis que pechan este curso en Galicia.
O motivo deste peche atópase no número reducido de alumnado que presentaban estes centros de ensino, onde figuraban dous nenos matriculados en cada un deles.
No DOG tamén figuran reorganizacións do persoal docente en diversos centros educativos para adaptalos ás "necesidades efectivas da poboación escolar e ás esixencias duns cadros de persoal que incidan na atención á diversidade coa introdución de profesorado especialista e a mellora da súa oferta educativa".
A Xunta de Galicia emitía un comunicado no que destaca que Galicia manterá o mesmo número de aulas grazas ao acordo sindical, a pesar de contar con 4.000 estudantes menos respecto ao curso pasado.
Indican tamén desde Educación que o acordo sindical permitirá manter abertas arredor de 900 aulas nos próximos tres cursos, pese á caída da natalidade, para ofrecer unha atención máis personalizada ao reducirse a cifra de estudantes por aula.
Explican que as escolas pechadas, ademais de carecer de matrículas suficientes para a apertura o vindeiro curso, tampouco presentabanunha "previsión de incremento".