A Consellería de Sanidade acepta finalmente negociar un canon ou arrendamento polos terreos veciñais que ocupa o actual Hospital Montecelo, segundo informan dende a Comunidade de Montes de Mourente.
Unha reunión de urxencia celebrada este venres a primeira hora da tarde deu como resultado o acordo básico ao que chegaron as dúas partes.
O presidente da Comunidade de Montes, Carlos Morgade explicou que aínda que quedan detalles sen rematar, a grandes trazos a Xunta de Galicia aceptou a proposta dos comuneiros, que verán así satisfeitas as súas aspiracións de manter a titularidade dos terreos rescatados por sentenza xudicial ao tempo que permite a utilización da parcela como hospital público.
Os representantes da Comunidade de Montes de Mourente decláranse satisfeitos do encontro, inda que detalles sobre o prezo final e o prazo do convenio que se asinará nos están rematados de todo.
Inda así, os directivos da Comunidade consideran que as coincidencias das dúas posturas son moi fortes e non haberá problemas para rematar a redacción do acordo nos próximos días ou semanas.
O texto final do acordo que asinen as dúas partes deberá ser ratificado posteriormente pola Asemblea Xeral da Comunidade de Montes. Pola súa parte, o acordo permitirá á Consellería de Sanidade dar seguridade xurídica á reforma do actual Hospital Montecelo sen ningún conflito cos propietarios dos terreos.