Despois da presentación ante a Xunta de 1.172 firmas por parte da asociación de veciños Santo Paio de Campañó, o Goberno galego analizará, xunto co Concello de Pontevedra e cos afectados, as posibles melloras a incorporar no proxecto da Variante de Alba co fin de que a obra se execute con "consenso".
Nun comunicado de prensa, a Xunta comprométese a "optimizar" o deseño da variante de Alba co fin de "minimizar" o seu impacto.
A alternativa escollida por parte da Xunta, executarase inicialmente en dous carrís, respondendo os obxectivos de maior funcionalidade, mellora da seguridade viaria e menor impacto territorial, explican. Ademais, permite impulsar a variante cumprindo os condicionantes do Ministerio de Fomento para conectar coa N-550.
Desde a Xunta insisten en que o que se busca é incrementar a seguridade de veciños e peregrinos nos seus desprazamentos no paso por Alba e San Caetano.