O transvasamento do río Verdugo xa non é unha actuación urxente. Augas de Galicia revogou esa declaración ao entender que a situación de emerxencia que había cando se determinou facer esta actuación por ese procedemento "xa non persiste". Pero iso non significa que se descartara definitivamente, como solicitan Ponte Caldelas e Soutomaior.
Así o asegurou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. As choivas permitiron "levantar as alarmas", pero entende que non se debe "baixar a garda" xa que "non podemos descartar" que a seca volva aparecer nos próximos meses. "Temos que ser responsables", engadiu.
A Xunta mantén que este transvasamento é "necesario" para resolver os problemas de abastecemento de auga nos concellos da área metropolitana de Vigo que se abastecen do encoro de Eiras. Iso si, sempre que exista consenso entre os concellos.
"Non son normais estas pelexas entre os alcaldes de Vigo e Ponte Caldelas", sinalou Rueda, que pide a ambos os rexedores socialistas que "se poñan de acordo".
O vicepresidente galego engade que a Xunta exercerá a súa responsabilidade nesta materia, pero lembra que os concellos "tamén teñen que facelo porque se deben aos seus veciños".
Rueda cre que Vigo non pode "desentenderse" e deixar este asunto "en mans da Xunta" e os concellos que se opoñen a esta actuación deben "comprender" que o transvasamento está pensando para solucionar "necesidades básicas" dos veciños "con independencia de onde vivan".
"Non renunciamos á obra. Imos tentar poñer de acordo a todo o mundo", concluíu, aínda que recoñecendo que por agora esa sintonía "non se dá entre as partes interesadas".