A Xunta mellorará a contorna dos petróglifos de San Xurxo e Santa María de Sacos

Cerdedo-Cotobade
12 de marzo 2021

A actuación contará cunha axuda de case 25.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé / Xunta de Galicia

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo este venres unha reunión por videoconferencia co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para abordar o proxecto senlleiro "Mellora do parque etnográfico", que se levará a cabo neste concello cunha subvención de 24.780 euros por parte da Consellería do Medio Rural.

Os traballos que se van acometer mediante o convenio de colaboración consistirán no acondicionamento da contorna e na limpeza manual das principais estacións de gravados rupestres de Cerdedo-Cotobade. 

Cómpre sinalar que algúns destes elementos recollen imaxes de gran valor e moitos deles -pola súa localización e extensión- son dos máis representativos desta época. Neste senso, tamén se incluirá a instalación de elementos delimitadores de afluencia que sirvan como disuasorios e protectores do xacemento. 

Así, en concreto actuarase na Pedra das Ferraduras, na Laxe dos Cebros e na Portela das Rozas Vellas, no marco do conxunto de Fentáns que acolle preto de 300 petróglifos. A maiores, beneficiarase do convenio a Laxe das Rodas e o grupo de Lombo da Costa, en San Xurxo e Santa María de Sacos; así como a Laxe do Cuco e Portela da Cruz, en Cernadelo, San Xurxo de Sacos.

As actuacións proxectadas están concibidas para estar rematadas neste ano 2021.

 

Arquivado en