A Xunta licita por 3,9 millóns as obras para a mellora integral de 7 quilómetros da PO-235 na Lama

A Lama
04 de decembro 2023

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este luns A Lama acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde, David Carrera. Na Casa do Concello, presentou as novas actuacións

Visita de Ethel Vázquez á Casa do Concello da Lama
Visita de Ethel Vázquez á Casa do Concello da Lama / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia sacou a licitación este luns as obras para completar a mellora integral da estrada PO-235 no concello da Lama, que suporán un investimento autonómico de 3,9 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este luns A Lama acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde, David Carrera. Na Casa do Concello, presentou as novas actuacións.

A conselleira explicou que a licitación afecta ás obras da terceira fase de acondicionamento da PO-235, ao longo de case 7 quilómetros, entre a parroquia de Seixido e ata A Portela da Cruz, xa no límite coa provincia de Ourense.

As obras teñen como obxectivo mellorar as condicións de circulación, facilitando desprazamentos máis cómodos e seguros aos veciños.

O investimento autonómico inclúe a expropiación de 150 predios. Este mesmo mes de decembro publicarase no Diario Oficial de Galicia as datas para o levantamento das actas previas e de ocupación dos terreos afectados, que se realizarán nos meses de febreiro e de marzo.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 8 de xaneiro para presentar as súas ofertas e a idea é iniciar os traballos na primavera, cun prazo de execución de 12 meses.