A Xunta licita o proxecto e a execución do novo emisario submarino

Pontevedra
12 de agosto 2019

Este proxecto incorporou varias modificacións para dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública, o que supuxo un incremento duns 2 millóns de euros no orzamento

Unha muller sacando unha foto á illa de Tambo
Unha muller sacando unha foto á illa de Tambo / Juan Mejuto

A Xunta publica este luns na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación da elaboración do proxecto e a execución das obras do novo emisario submarino da estación depuradora de augas residuais de Praceres cun orzamento de máis de 12 millóns de euros.

As empresas interesadas en levar a cabo este contrato, cun prazo de execución de 18 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 14 de outubro.

O Consello da Xunta autorizaba recentemente o gasto para avanzar nesta obra declarada de interese da comunidade autónoma no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

Este proxecto incorporou varias modificacións para dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública, o que supuxo un incremento duns 2 millóns de euros no orzamento.

No marco destas achegas, modifícase a localización da cámara de carga e da estación de bombeo, deixando libre a fachada litoral, e increméntase a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario para non afectar aos bancos marisqueiros.

Trátase de executar un novo emisario submarino que separe os vertidos industriais e os residuais e que conte coas dimensións axeitadas ás necesidades actuais e futuras.

O Goberno galego asegura que o saneamento da ría de Pontevedra é unha das súas principais prioridades en materia de actuacións hidráulicas, co fin de aumentar a competitividade económica da área e mellorar a produtividade no sector marisqueiro.

 

Arquivado en