A Xunta licita as obras de reparación na ponte da Barca

Pontevedra
09 de febreiro 2018

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de reparación da ponte da Barca, por un investimento de máis de 1,2 millóns de euros

Ponte da Barca
Ponte da Barca / Mónica Patxot

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de reparación da ponte da Barca, por un investimento de máis de 1,2 millóns de euros.

O prazo para a presentación de ofertas para realizar este proxecto rematará o vindeiro 7 de marzo.

O obxecto do contrato é mellorar o estado de conservación da estrutura existente sobre o Lérez que presenta certos danos polo paso do tempo. A Xunta puntualiza que estas carencias non supoñen un problema estrutural, pero é conveniente reparalas para garantir a durabilidade e alongar a vida útil da ponte.

O proxecto contempla operacións de mantemento para aumentar a durabilidade da estrutura, que incluirán o selado de fisuras, a mellora da drenaxe mediante a colocación de baixantes que faciliten a evacuación das augas e a reparación dos sumidoiros e o repintado da ponte.

Tamén se levará a cabo a substitución da marquesiña polo mal estado da cubrición e da madeira. Construirase unha nova estrutura de madeira cun tratamento protector e deseñada para evitar a acumulación de auga, e con cuberta de aluminio para garantir a súa durabilidade. Ademais iluminarase a ponte e a calzada con proxectores led.