A Xunta lembra que Anova e IU non alegaron aos proxectos da depuradora de Praceres e o emisario

Pontevedra
24 de xaneiro 2019

Esta é a resposta do Goberno galego ás manifestacións feitas este mércores pola representante de Anova Lidia Senra, en relación co Plan de saneamento da ría de Pontevedra

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas /

A Xunta aclara que, tanto o proxecto de reforma da depuradora de Praceres como o de construción dun novo emisario submarino, foron sometidos a un proceso de participación pública o pasado ano 2018. "Nin os grupos políticos de Anova, nin IU nin Ciudadanos presentaron alegación algunha a eses proxectos, nin tampouco o fixeron Lidia Senra nin Javier Nart a título persoal".

Esta é a resposta do Goberno galego ás manifestacións feitas este mércores pola representante de Anova Lidia Senra, en relación co Plan de saneamento da ría de Pontevedra.

O Executivo do presidente galego Núñez Feijóo lembra que ese proceso de participación pública ten por obxecto recabar as achegas de todos os interesados no saneamento da ría para enriquecer e mellorar o proxecto, "unha oportunidade que estes representantes políticos deixaron pasar".

Ambas actuacións forman parte do Plan de saneamento da ría de Pontevedra que a Xunta ten deseñado "tras un exhaustivo análise da ría, dos problemas do actual sistema de saneamento e depuración e das posibles solucións". Durante o proceso de elaboración dese Plan, a Xunta deu conta puntual dos avances á Unión Europea, aos concellos e aos profesionais implicados.

"A Xunta lembra que as depuradoras son as vacinas que evitan as enfermidades das augas derivadas da contaminación", di o Goberno galego nunha referencia velada á coñecida postura da eurodiputada Lidia Senra contra as vacinas.

O Goberno galego lamenta igualmente a "incomprensible actitude do BNG" que, "mentres en Bruxelas intenta cuestionar as evidentes melloras rexistradas na calidade das augas das rías nas que se desenvolveron plans de saneamento, o Goberno municipal de Pontevedra se desentende do problema da súa ría , e mesmo obstaculiza as solucións deseñadas pola Xunta".