A Xunta de Galicia lembra a "necesidade de iniciar con urxencia as actuacións planificadas para sanear a ría de Pontevedra", cuxas augas se atopan en serio risco polas deficiencias do sistema de saneamento e depuración.
Ante as declaracións feitas este xoves polo delegado do Goberno en Galicia, o Goberno galego lembra que nos últimos anos traballou "intensamente" na realización dun estudo "en profundidade" da ría de Pontevedra "e agora cómpre que todas as Administracións demostren responsabilidade para afrontar o saneamento e garantir a boa calidade das augas".
Nun comunicado oficial a Xunta lamenta que o delegado do Goberno en Galicia se manifestase "a favor de seguir dilatando a solución do problema, obviando a súa urxencia e o risco que a situación supón para a actividade marisqueira e o turismo na zona".
O Goberno galego subliña que a necesidade de sanear a ría de Pontevedra é urxente e así o exixe a Unión Europea, que ten aberto un expediente sancionador polo incumprimento da Directiva Marco da Auga nesta ría, "asunto que debería preocupar ao Goberno central e aos seus representantes na comunidade".
A Xunta iniciou en 2015 un estudo en profundidade de toda a ría de Pontevedra e do seu sistema de saneamento e depuración, identificando os problemas e propoñendo as solucións recollidas no Plan de saneamento que foi compartido cos concellos afectados e cos profesionais dos sectores vinculados.
Esta avaliación da ría permitiu identificar as deficiencias nas redes de saneamento, de competencia municipal, que provocan que chegue á depuradora unha elevada porcentaxe de auga de mar, de chuvia e do río Gafos, que encarece o proceso de depuración e diminúe a súa eficacia. Así, sinala o Goberno galego que "é preciso que os concellos solucionen esas deficiencias e carencias".
Augas de Galicia está a traballar para acometer as actuacións da súa responsabilidade, que comenzarán coa construción dun novo emisario submarino e a reforma da actual depuradora de Praceres.
A Xunta tamén considera lamentable que o delegado do Goberno en Galicia "descoñeza a existencia deste traballo inxente realizado" e salienta que "se o Goberno de España ten unha preocupación real pola ría de Pontevedra pode implicarse directamente no asunto, máis alá das opinións, declarando a actuación como de interese xeral do Estado".