A Xunta de Galicia investirá preto de 250.000 euros na redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) do futuro polígono de Fragamoreira, en Poio.
A futura área industrial está prevista no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), que foi aprobada polo goberno autonómico no pasado mes de decembro. Este plan será o instrumento que permitirá definir e planificar a creación do polígono.
Con este obxectivo, a empresa pública Xestur licitou esta semana o contrato -publicado na plataforma de contratos públicos de Galicia - para o que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 23 de febreiro.
A superficie de parque empresarial será de preto de 390.000 metros cadrados. Deles, a Xunta é propietaria de máis de 73.000 metros cadrados (preto do 20% dos terreos incluídos na planificación) que foron adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e Xestur por importe de máis de 2,5 millóns de euros.
"NOTICIA POSITIVA" PARA O CONCELLO
O Goberno local ve este investimento unha "noticia moi positiva" para o futuro de Poio e o seu desenvolvemento económico. "É un paso cara adiante para facer realidade o polígono", sinala a concelleira de Urbanismo e Turismo, Rocío Cochón.
Cochón lamenta que fronte ás "boas noticias para os veciños de Poio e para o futuro do concello", haxa quen se "posicione por sistema no pataleo".
"Parece que lle molesta que avancemos. Fixérono co acordo para aparcar no porto da Canteira en Combarro, tamén coa organización das festas do Mar e da Ameixa, molestoulles recuperar o Día de Colón, tamén que nos visitase o presidente da Xunta de Galicia, criticaron o Nadal, tampouco lles gusta a presentación de Poio en Fitur, e agora parece que tamén lles molestan os investimentos no polígono de Fragamoreira", sinalou a concelleira.
RESPOSTA DO BNG DE POIO
Desde o BNG de Poio denuncian que este anuncio é "un claro exemplo da manipulación institucional do PP" por realizarse "a un mes das eleccións galegas e tras 18 anos de bloqueo inxustificado", deixando patente "o uso partidista que fai o Partido Popular das institucións".
"Remontámonos á planificación deste polígono que deriva do PXOM aprobado en 2000 cos votos en contra do PP. A súa viabilidade pasaba pola construción do Alternativa Norte que se puxo en funcionamento en 2005. Desde hai 18 anos estivo freado polo PP sen causa xustificada, no seu día tamén pola Deputación de Pontevedra (baixo a presidencia de Rafael Louzán) polos accesos, e despois desde Xestur", lamentan.
Indican ademais que o partido nacionalista "sempre loitou por impulsar o polígono de Fragamoreira, que actualmente contaba con toda a tramitación completada e só faltarían as subministracións e servizos".
Con todo, 18 anos despois das reivindicacións e a un mes das eleccións galegas "quitan do caixón o financiamento e o proxecto, que foi boicoteado polo propio Angel Moldes e o seu antecesor ex xerente de Xestur, Javier Domínguez".
Este anuncio deixa claro que o único motivo polo que o polígono estivo parado ata o de agora responde a razóns partidistas que sufriron os veciños de Poio. "Se o PP realmente quere activar o polígono que reactive a compra dos terreos que os veciños teñen en propiedade e que están parados pola súa inacción política", por iso denuncian publicamente "que se deixe de usar as institucións e os investimentos públicos para a campaña de Rueda, que vende nun mes o que non fixeron nunha década.