A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, en Bueu, que suporán un investimento de 330.000 euros.
O obxectivo desta actuación é a construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo.
Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paradas de autobús con refuxios en ambos os laterais da vía.
Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado.
Tamén se procederá á estabilización do noiro de desmonte existente nunha curva. Actualmente o noiro ten unha pendente moi vertical e proxéctase a escavación necesaria para actuar nel e que sexa así máis estable.
As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.11