A Xunta inclúe a remodelación de espazos do Hospital Provincial no plan de infraestructuras das universidades galegas

Pontevedra
08 de xullo 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este venres a posta en marcha dun Plan de Infraestruturas Universitarias co obxectivo de seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do sistema universitario galego

Hospital Provincial
Hospital Provincial / Mónica Patxot

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este venres a posta en marcha dun Plan de Infraestruturas Universitarias co obxectivo de seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do sistema universitario galego. 

Fíxoo durante a sinatura do protocolo de colaboración entre o Goberno autonómico e as tres universidades públicas galegas que posibilitará estas melloras e que vai mobilizar máis de 100 millóns de euros ata 2026.

Rueda estivo acompañado neste acto polos tres reitores galegos -Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo; Julio Abalde, da Coruña; e Antonio López, de Santiago de Compostela-, así como polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. 

Na súa intervención o presidente da Xunta salientou que este proxecto conxunto reforza a colaboración entre a Xunta e a educación superior, ao tempo que garante o estado óptimo dos edificios, aulas ou laboratorios dos campus. 

A este respecto, o Goberno autonómico destinará 40 millóns de euros –10 millóns cada ano– á mellora de espazos nos sete campus que existen na comunidade, sendo as propias universidades as que seleccionaron estas infraestruturas. 

En declaracións aos medios de comunicación tras o acto, o presidente da Xunta detallou que dos 100 millóns de euros do plan, 60 millóns "son achegados polas propias universidades con cargo ao financiamento ordinario" que reciben por parte do Goberno galego ao amparo do Plan de Financiamento Plurianual 2021-2026. 

O plan presentado este venres, pola súa banda, contempla fondos a maiores, é dicir, que a Xunta habilita outros 40 millóns -cos que se acadan os 100 en total-. 

Na Universidade de Vigo será obxecto de actuación a remodelación do Hospital provincial no campus de Pontevedra, actuación que consistiría na realización do estudo funcional de necesidades da Universidade para adaptarse a este edificio.

O reitor explicou que o novo Grao en Deseño arrancará o vindeiro curso no edificio de Benito Corbal, pero sinalou que, se ben esta localización permitirá que se inicie a impartir a titulación, non será así coa súa finalización. A isto engadiu o feito de que o de Pontevedra é o único campus que non conta cunha residencia universitaria, para o que se recorrerá a unha remodelación de espazos no actual Hospital Provincial.

En Vigo, as actuacións estarán encamiñadas a que o Centro de Investigación Mariña, CIM, e a Facultade de Ciencias do Mar se trasladen aos terreos da ETEA, onde se localizará tamén o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).